Pontevedra rescata a memoria de Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro, fusiladas na Ditadura

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
En Pontevedra, durante os anos escuros da ditadura franquista, houbo dúas mulleres fusiladas: Consuelo Acuña e Elvira Lodeiro. A súa historia vén de ser rescatada, tras localizar ás súas familias, polo programa A memoria das mulleres, e foi posta en valor durante unha conferencia que ofreceu este martes a xornalista Montse Fajardo na Casa das Campás.
Baixo o título A represión das mulleres despois do golpe de estado do 36, os asistentes coñeceron as biografías destas mulleres e lembraron a "onda expansiva" que deixou o terror, especialmente nas vidas das fillas e fillos orfos que deixaron.
Consuelo e Elvira, de 60 e 28 anos respectivamente, foron fusiladas a raíz da queima do alboio dunha casa de Salcedo, onde se agochaban dous republicanos: Manuel Méndez Montes e José Manuel Gómez Corbacho, o home de Elvira.
Houbo un sopro e o 12 de decembro os cívicos foron á casa. Queimaron o alboio, matando aos dous fuxidos no acto, e detiveron aos donos da casa (Consuelo e o seu irmán Ramón, que eran irmáns de Manuela Acuña, a muller de Manuel Méndez, por iso o tiñan agochado) e tamén detiveron a Elvira, a muller de Gómez Corbacho.
Os tres foron fusilados nos días seguintes: Ramón e Consuelo o 14 de decembro e Elvira, que dixo estar embarazada, o 19, tras levala a un médico que certificou que o embarazo era mentira.
Elvira e Corbacho deixaron dúas orfas, Pilar (xa falecida) e Manolita, que actualmente vive en Vigo. Pilar criouse na Arxentina coa irmá da súa nai e Manolita foi criada pola familia de Mauro Caballero, dono dunha imprenta e unha funeraria de Pontevedra, que estivo meses agochado nun oco da cociña da súa casa de Pontevedra para salvar a vida. As nenas nunca máis se volveron ver.
Consuelo tamén deixou un fillo orfo, un adolescente que tivera de solteira e que tiña unha discapacidade. Foi criado pola súa tía, Manuela Acuña, que naquel suceso perdeu ao seu home e aos seus dous irmáns.
O programa municipal A memoria das mulleres tamén rescatou nestes últimos meses outros perfís, como o de Olivia Tomé, a Rangha, membro dunha familia moi represaliada e que foi rapada polos cívicos, ou os das viúvas do 12 de novembro.
Entre estes, atópase o de Matilde Caamaño, que tras ser expropiado o sanatorio do seu home, o doutor Amancio Caamaño, que ademais acollía o fogar familiar, marchou para Santiago e converteu a súa casa de Compostela nunha pensión para saír adiante.
Este relatorio enmárcase dentro das actividades de Novembro, mes da memoria histórica, que están organizadas pola Concellaría de Patrimonio Histórico.
Os achados de A memoria das mulleres, que continúa coa súa labor de investigación para atopar historias de mulleres e seguir ampliando as biografías xa recompiladas de traballadoras, pioneiras ou represaliadas, pódense seguir tamén no programa Do gris ao violeta, emitido cada venres ás 13.00 horas en PontevedraViva Radio.
Relacionadas:
-
Pontevedra homenaxea mariscadoras xubiladas no Pazo de Mugartegui
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Teatro Principal, escenario de homenaxe ás vítimas silenciadas durante o franquismo
Por Redacción |
-
Pontevedra acolle dúas proxeccións do documental "Las víctimas sin llanto"
Por Redacción |
-
RADIO.- Fina Paz, orfa de Ramiro Paz: "Cada 12 de novembro amence o mesmo día gris, de chuvia miúda"
Por Marisa Ciordia |
-
Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista no mes da memoria histórica
Por Mónica Patxot |